Logo_concello_lobios_1000x250 (transp)

III Concurso “DECORA A TÚA ALDEA POLO NADAL”

2026-Redes Lobios-Concurso Decora a túa Aldea polo Nadal

O Concello de Lobios convoca o III Concurso Decora a túa aldea polo Nadal que estará rexido polas seguintes bases:

  1. Obxecto do concurso

O Concello de Lobios convoca o III Concurso Decora a túa aldea polo Nadal, co obxectivo de promover a participación veciñal, dinamizar a vida social das aldeas, conservar as tradicións do Nadal e contribuír a crear un ambiente festivo que poida ser desfrutado pola veciñanza e polas persoas visitantes.

A iniciativa pretende recoñecer o esforzo colectivo, a creatividade e a implicación das persoas que contribúan a decorar e embelecer os espazos das aldeas do municipio.

  1. Participantes

Poderán participar as aldeas e núcleos de poboación pertencentes ao termo municipal de Lobios que presenten unha proposta de decoración colectiva.

A participación poderá ser promovida pola veciñanza, asociacións, comisións de festas ou grupos de persoas residentes, que actuarán como representantes da candidatura para os efectos de inscrición e comunicación co Concello.

Cada aldea poderá presentar unha única candidatura.

A participación será gratuíta.

  1. Temática e características da decoración

A decoración deberá estar relacionada coa temática do Nadal e poderá incluír, entre outros elementos:

  • Creatividade e orixinalidade
  • Calidade estética e harmonía do conxunto
  • Integración na contorna e posta en valor da aldea
  • Uso de materiais reutilizados, artesanais ou sostibles
  • Implicación e participación veciñal

A decoración deberá respectar os espazos públicos, as propiedades privadas e o patrimonio natural e cultural. Non se poderán obstaculizar vías de circulación, accesos a vivendas, servizos de emerxencia nin itinerarios peonís.

As instalacións eléctricas e os elementos colocados deberán cumprir as condicións de seguridade que lles sexan aplicables.

Durante a exposición do decorado, permitirase a visita á poboación en xeral, de forma totalmente gratuíta.

  1. Inscrición

As aldeas interesadas deberán formalizar a súa inscrición entre o 1 de decembro  e o 20 de decembro de 2026, ambos os dous incluídos.

A solicitude deberá presentarse a través do  formulario de inscripción publicado na páxina web do concello, lobios.org e nas redes sociais corporativas. 

A inscrición deberá incluír:

  • Nome da aldea participante.
  • Nome e apelidos da persoa representante.
  • Teléfono e enderezo electrónico de contacto.
  • Breve descrición da proposta de decoración.
  • Consentimento para a realización e difusión de fotografías e vídeos da decoración, nos termos que estableza a información facilitada polo Concello.
  • Material gráfico da decoración (máximo 10 fotografías e 1 vídeo de máximo 2 minutos de duración).

O Concello confirmará a recepción das solicitudes e poderá solicitar a emenda de datos incompletos.

 

  1. Modalidades de valoración e premios

Establécense dúas modalidades de valoración: votación popular e votación por xurado, das que resultarán os gañadores do concurso:

      5.1. Votación Popular

Habilitarase un formulario de votación a disposición de todo o público para que poidan emitir a súa valoración. Este formulario farase público na páxina web do concello, logios.org e nas redes sociais corporativas (Facebook, Instagram e X)

Cada persoa poderá emitir un único voto válido mediante o formulario en liña, donde poderá deixar a puntuación que considere para  unha ou varias  aldeas participantes.

Esta modalidade de votación acadará un peso do 30% da puntuación xeral.

O Concello poderá establecer medidas técnicas de verificación para evitar duplicidades ou usos fraudulentos do sistema de votación. Os votos que non cumpran as condicións publicadas ou que se consideren fraudulentos poderán ser anulados, logo da correspondente comprobación.

O prazo de votación será do 23 de decembro de 2026 ao 30 de decembro de 2026, ambos incluidos. Durante este periodo o formulario de votación estará accesible na internet (web e redes sociais do concello).

 

     5.2. Votación do Xurado

O Xurado será un órgano de valoración formado por tres ou máis persoas, preferentemente vinculadas aos ámbitos cultural,  da promoción turística ou da seguridade cidadá.

As persoas integrantes do xurado serán designadas polo Concello e deberán actuar con independencia, imparcialidade e obxectividade.

Non poderán participar na valoración cando exista algunha circunstancia que poida comprometer a súa imparcialidade.

O xurado poderá realizar visitas ás aldeas participantes durante o período establecido pola organización, co fin de valorar directamente as propostas.

A decisión do xurado recollerase nunha acta na que figurarán as puntuacións outorgadas e a proposta de concesión do premio.

Esta modalidade de votación por xurado, acadará un peso do 70% da puntuación xeral.

As decoracións gañadoras (1º e 2º premio) serán as das aldeas ou agrupacións,  que obteñan o maior número de votos válidos obtidos mediante a totalidade dos votos recollidos no formulario de votación popular en liña e os votos do  xurado, na proporción de 30-70 respectivamente.

  1. Criterios de valoración

Cada candidatura será valorada sobre un máximo de 25 puntos, conforme aos seguintes criterios:

Criterio

Puntuación máxima

Creatividade e orixinalidade

5 puntos

Calidade estética e harmonía do conxunto

5 puntos

Implicación e participación veciñal

5 puntos

Integración na contorna e posta en valor da aldea

5 puntos

Uso de materiais reutilizados, artesanais ou sostibles

5 puntos

Total

25 puntos

En caso de empate, terá preferencia a candidatura que obteña maior puntuación na categoría de  participación veciñal. Se o empate persiste, prevalecerá a maior puntuación en creatividade e orixinalidade. De continuar o empate, o xurado acordará o resultado definitivo e deixará constancia motivada na acta.

  1. Premios

Establécense os seguintes premios:

1º clasificado: Premio de 500 €

2º clasificado: Premio de 250 €

As agrupacións que non acaden premio recibirán un  ACCÉSIT de 50 € pola súa participación.

A concesión e entrega dos premios estarán suxeitas ás condicións administrativas, orzamentarias e fiscais que resulten aplicables.

O Concello tamén fará entrega de  diplomas ou recoñecementos ás aldeas inscritas no concurso.

  1. Calendario do concurso

INSCRICIÓNS: As agrupacións participantes deberán cumplimentar  formulario de inscrición en liña, entre o 1 de decembro  e o 20 de decembro de 2026, ambos os dous incluídos. O formulario deberá estar debidamente cuberto e incluirá as  fotografías e vídeo da decoración (ver punto 1).

INSTALACIÓNS: A decoración deberá estar instalada o 20 de decembro como máximo,  e habilitada ata o 6 de xaneiro de 2027.

VOTACIÓNS: O período de votación popular a través do formulario habilitado na internet, será do 23 ao 30 de decembro de 2026. O xurado realizará as visitas, para emitir a súa valoración, durante ese mesmo prazo.

ENTREGA DE PREMIOS: A entrega dos premios terán lugar o día 5 de xaneiro de 2027, durante a celebración da Cabalgata de Reis.

  1. Publicación e difusión

O Concello poderá realizar fotografías e vídeos das decoracións participantes para difundir o concurso e as actividades de Nadal a través da súa páxina web, redes sociais e outros medios institucionais.

A difusión deberá respectar a normativa de protección de datos e os dereitos de imaxe das persoas que poidan aparecer nas fotografías ou nos vídeos.

A participación no concurso non implicará a cesión ilimitada dos dereitos sobre as creacións realizadas pola veciñanza.

  1. Aceptación das bases

A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

O Concello de Lobios poderá resolver as cuestións organizativas non previstas expresamente, sempre de acordo cos principios de igualdade de trato, transparencia e obxectividade, sen alterar os criterios fundamentais da convocatoria.

Poderán excluírse as candidaturas que incumpran as condicións de participación, presenten información falsa ou manteñan instalacións que supoñan un risco para as persoas ou os bens.

  1. Protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos no proceso de inscrición e, se é o caso, na xestión da votación serán tratados polo Concello de Lobios para a organización, xestión e difusión do concurso, de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos.

A información completa sobre o responsable do tratamento, a finalidade, a base xurídica, os prazos de conservación e o exercicio dos dereitos correspondentes facilitarase no formulario de inscrición e no sistema de votación, segundo proceda.

  1. Disposición final

As presentes bases entrarán en vigor unha vez aprobadas polo órgano municipal competente e publicadas polos medios que correspondan.