Logo_concello_lobios_1000x250 (transp)

Posta en valor do noso patrimonio en Fraga Raxada

Xacemento arqueolóxico Fraga raxada - Lobios
 Onte, recibimos en Lobios ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, que xunto coa nosa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, visitou os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver no xacemento da Fraga Raxada.
 
A actuación, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, conta cun investimento de máis de 18.000 euros e forma parte das intervencións arqueolóxicas previstas para 2025 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxectivo de coñecer, conservar e poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico.
 
No castro da Fraga Raxada estanse a realizar labores de investigación e documentación nunha área de arredor de 60 m², ampliando a escavación na zona da torre e caracterizando todos os recintos e estruturas documentadas na campaña anterior. Ademais, levarase a cabo o levantamento topográfico e fotogrametría 3D, así como o estudo e tratamento dos materiais arqueolóxicos recuperados.
 
Dende o Concello de Lobios seguimos a apoiar todas as iniciativas que contribúan á protección e difusión do noso valioso patrimonio histórico e cultural.