O Concello de Lobios vén de realizar as obras de humanización da Praza de San Paio de Arauxo, unha intervención enmarcada no proxecto global de mellora da accesibilidade, estética e funcionalidade dos espazos públicos nos 72 núcleos de poboación do municipio.
Esta actuación permitirá transformar a praza nun espazo máis accesible, moderno e funcional, favorecendo tanto o encontro social como a posta en valor dun lugar de referencia para a veciñanza.
O obxectivo é avanzar cara a un modelo de urbanismo pensado para as persoas, no que se mellore a mobilidade, se fomente a convivencia e se impulse a recuperación estética dos espazos máis emblemáticos.
Con este proxecto, Lobios continúa dando pasos firmes na construción dun concello máis inclusivo, atractivo e sostible, no que cada núcleo de poboación dispoña de infraestruturas de calidade que melloren a vida cotiá dos seus habitantes.

